Escuchar
luns, 13 Xullo, 2020

Os efectivos de extinción manteñen controlado un incendio que afecta a unha nave industrial sen actividade situada no concello pontevedrés de Marín.

Os danos materiais causados polo lume están por avaliar pois na zona seguen traballando os equipos de emerxencias.

Foron varios os particulares que chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso. Segundo a información facilitada aos xestores do 112 polos alertantes, o lume comezou preto das catro horas desta tarde e fíxose visible a causa do fume que saía do tellado da edificación, situada no lugar da Raña.

Tras ser alertados polo 112, ata o lugar desprazáronse os Bombeiros do Morrazo e axentes da Policía Local. Tamén foron avisados os Bombeiros de Pontevedra e os efectivos de Protección Civil de Marín.

Nestes momentos, os equipos de intervención continúan coas tarefas de extinción na zona, pero xa confirmaron que o lume está controlado e descartaron a posibilidade de que se poida estender.