Imaxe escoitar Escoitar
martes, 24 Xaneiro, 2023

Por fortuna, o suceso saldouse sen persoas feridas, pero o balance de bens calcinados polo lume, entre os que se atopan dous vehículos que permanecían estacionados no interior, foi extenso.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 5:45 horas desta mañá: un dos particulares que se atopaban na vivenda afectada, situada na parroquia de Amoedo, en Pazos de Borbén, alertaba de que ardía o seu baixo. Desde o primeiro momento confirmaba que non había persoas afectadas polo incendio, e no interior da estancia na que se orixinou gardábanse dous coches, maquinaria e diferentes pezas de mobiliario.

Os xestores do 112 solicitaron con rapidez a colaboración dos Bombeiros do Porriño, do GES de Mos e dos axentes da Garda Civil.

Unha vez no lugar, os servizos de extinción traballaron para atallar as lapas, que deron por apagadas minutos despois das 9 horas, tralo que fixeron balance dos múltiples danos causados polo lume: arderon ambos vehículos, varios electrodomésticos, a totalidade do mobiliario almacenado, así como diversas bicicletas, ferramentas e outras pezas de maquinaria.

Ademais, a parte superior do inmoble, na que se atopa a vivenda, viuse afectada polo fume e os gases, aínda que os seus catro ocupantes resultaron ilesos.

facebook twitter instagram