A caída do seu vehículo provocoulle varias fracturas, polo que foi evacuado en aeronave ao Hospital Clínico de Santiago.
O aviso sobre este sinistro activouse no 112 Galicia preto das catro da tarde de hoxe mediante a chamada dun alertador, que advertía sobre a importancia do accidente.
Segundo explicou, o motorista caeu co seu vehículo cando circulaba pola AC-400, á altura de Serres. Como consecuencia do golpe, sufriu diversas fracturas, polo que foi trasladado en helicóptero medicalizado a Santiago. Non obstante, o ferido ía consciente, tal e como indicaron os axentes da Garda Civil de Tráfico, que acudiron ao lugar dos feitos tras recibir a alerta do 112 Galicia.
Tamén se desprazou unha dotación do GES de Muros e, por suposto, o equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Para facilitar a intervención do equipo médico a bordo do helicóptero, cortouse a circulación momentaneamente.
Outro motorista ferido en Boiro
Por outra banda, o 112 Galicia rexistrou un segundo accidente de moto na DP-1106 ás cinco desta tarde. Neste caso, o condutor bateu co seu vehículo contra un farol. Para ser atendido das lesións provocadas polo golpe, o ferido foi trasladado ao Hospital do Barbanza.
Neste operativo interviñeron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Servizo Municipal de Protección Civil e Garda Civil de Tráfico.
Tres menores, feridos leves en Redondela
Por último, salientamos outro accidente de tráfico, unha colisión entre dous turismos, que rematou con tres menores feridos de carácter leve. Ocorreu ás 18:30 horas na Estrada do Cruceiro, tal e como explicaron as persoas implicadas no sinistro, que chamaron ao 112 para solicitar asistencia médica para os cativos.