Escoitar
luns, 4 Xullo, 2022

Un home que circulaba nunha moto tivo que ser trasladado nun helicóptero medicalizado, ao caer do vehículo, en Quintela de Leirado.

O accidente produciuse na estrada que une esta localidade con Celanova, á altura do cruce de Remuíños.

O 112 Galicia recibiu a alerta do sinistro uns minutos despois das 19:30 horas da pasada tarde, a través dunha persoa particular.

De xeito inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero no que o motorista foi evacuado a un centro hospitalario.

Tamén, para prestar colaboración co equipo médico desprazado, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e dos Bombeiros de Celanova, que tamén levaron a cabo a limpeza da vía, para asegurar as condicións de seguridade na zona, unha vez que o ferido foi trasladado.

Cae un motorista no Grove
Ademais, o 112 Galicia rexistraba uns minutos antes outra caída de moto, esta vez, no concello do Grove.

Os feitos sucederon na Avenida de Beiramar, ás 19:00 horas. Nese momento, varias persoas particulares daban conta dun motorista que sufrira unha caída de moto. Segundo indicaban, o motorista atopábase inconsciente.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao Servizo Municipal de Protección Civil e á Policía Local. Ademais, informou aos Bombeiros de Ribadumia e ao GES de Sanxenxo.

Posteriormente, os membros de Protección Civil confirmaron ao 112 Galicia que o condutor da moto si reaccionaba e que tiña lesións na boca e nun brazo.

Despois de ser inmobilizado nunha padiola, o ferido foi evacuado nunha ambulancia a un centro médico.