Escoitar
sábado, 14 Maio, 2022

Un motorista faleceu e outro máis resultou ferido de consideración tras sufrir unha caída cando circulaba pola AC-305, no punto quilométrico 22, ao seu paso polo concello coruñés de Boiro.

Ás seis desta tarde, o 112 Galicia recibiu a alerta a través da chamada de varias testemuñas do suceso. Durante a comunicación cos xestores de emerxencias afirmábase que un dos motoristas implicado precisaba asistencia médica urxente e situaban o sinistro na parroquia de Cespón.

De inmediato, desde Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112) avisouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que comunicou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense, pero, finalmente, a súa intervención quedou descartada ao atoparse unha ambulancia con persoal médico no lugar do suceso.

Desafortunadamente, malia os esforzos do equipo médico desprazado ata o punto nada puido facer por salvarlle a vida. Así mesmo, confirmouse que o outro motorista ferido foi evacuada polos profesionais sanitarios ao centro hospitalario de referencia.

Compre sinalar que para prestar apoio aos equipos de intervención desprazados, desde o CIAE-112 pasouse aviso aos Bombeiros de Boiro, aos membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento das estradas.