Imaxe escoitar Escoitar
domingo, 12 Setembro, 2021

Un motorista faleceu esta tarde despois de caer co seu vehículo cando circulaba pola estrada que une Portomarín e Lugo, pouco despois da rotonda do Polígono de Portomarín, dirección Lugo.

Foi unha persoa particular quen deu a voz de alarma a través da súa chamada ao 112 Galicia ao fío das 15:15 horas de hoxe. No seu relato, indicaba que o único vehículo implicado no accidente fora a moto e que o seu condutor estaba inconsciente. Deseguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia informaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero desafortunadamente, nada puideron facer por salvar a vida do motorista.

Ademais, para prestar apoio ao equipo médico e restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Chantada, dos membros do GES de Monterroso, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, dos efectivos de Protección Civil de Portomarín e do servizo de mantemento da estrada.

Accidente en Vilagarcía
Pouco antes, unha colisión entre diversos vehículos no concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa mobilizou aos equipos de emerxencia ata as proximidades do peirao do municipio. Segundo a información facilitada polos axentes da Policía Local ao 112 Galicia, dúas persoas resultaron feridas a consecuencia dun choque entre dous turismos e unha moto, dos cales, un dos coches continuou a marcha tras producirse a colisión.

O sinistro tivo lugar ás 14:30 horas e desde o 112 tamén avisouse ao equipo de urxencias sanitarias, aos Bombeiros de Vilagarcía e aos membros do Servizo de Emerxencias de Vilagarcía.

facebook twitter instagram