Escoitar
sábado, 2 Xullo, 2022

Un helicóptero medicalizado trasladou ao menor ata o Hospital Materno Infantil da Coruña.

Sucedeu sobre as oito e media da tarde pasada. Foi a esa hora cando o persoal de Adif informaba ao 112 Galicia de que unha persoa fora alcanzada por un tren moi preto da Praza Donapetri , en Viveiro.

De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que decontado derivaron ao punto un helicóptero medicalizado e que tomou terra nun campo de fútbol moi preto do lugar.

Ademais dos medios sanitarios foron informados os Bombeiros de Viveiro, os axentes da Policía Nacional, Autonómica de Santiago e da Policía Local, así como os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Afortunadamente, o pequeno puido ser rescatado con vida. Segundo relataron os Bombeiros ao 112 Galicia, unha UVI móbil trasladouno ata o campo de fútbol, onde a aeronave co seu equipo médico o agardaba para ser derivado ao Materno Infantil da Coruña.

Precipitado en Vigo
Por outra banda, en Vigo, unha persoa resultou ferida despois de precipitarse desde un terceiro piso dun edificio a un patio interior, na rúa Coruña.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso a través do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ás tres desta pasada madrugada. Acudiron os Bombeiros da cidade e os axentes da Policía Nacional e Local.

Segundo a información recibida no 112 Galicia os Bombeiros rescataron á persoa, que foi trasladada polos servizos sanitarios.

As forzas da orde tratan de esclarecer as causas do suceso.