Escoitar
mércores, 18 Novembro, 2020

Un traballador dunha nave industrial situada no polígono de Bergondo resultou ferido esta mañá despois de sufrir unha descarga eléctrica e caer ao chan. Segundo a información recollida no 112 Galicia, o operario foi trasladado nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido ás 11:30 horas a través dunha persoa particular.

Acto seguido, os xestores de Emerxencias 112 Galicia requiriron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil e Policía Local e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Por outra banda, o 112 Galicia recibiu, uns trinta minutos antes, a alerta doutro accidente laboral, neste caso en Vigo. Segundo puido saber o 112 Galicia, un operario caeu dunha altura duns seis metros cando traballaba nun andamio nas proximidades da Praia de Fuchiños.

Nada máis ter constancia a través dunha persoa particular, axiña, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local e Nacional e de Protección Civil.