Escuchar
venres, 23 Outubro, 2020

Un operario faleceu esta mañá na Estrada despois de que lle caera un pau enriba.

Estaba traballando xunto con outros compañeiros nunha zona de monte da parroquia de Tabeirós cando lle golpeou ese anaco de madeira. Así o contaron as persoas que estaban coa vítima e chamaron ao 112 Galicia para pedir asistencia médica urxente debido ao estado preocupante no que se atopaba o operario.

Deste xeito, o persoal do 112 avisou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mesmo enviaron o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Sen embargo, logo anularon esta intervención debido ao falecemento do traballador. 

Neste operativo colaboraron tamén os membros do GES da Estrada, axentes da Policía Local e da Garda Civil.

Unha muller atrapada na mesma localidade
Ademais, na mesma localidade da Estrada, rexistrouse, pouco antes das nove desta mañá, un accidente de tráfico no que foi necesario aplicar os sistemas de excarceración para liberar a unha muller atrapada nun turismo. Segundo a información recollida no 112 Galicia, o vehículo sinistrado saíuse da vía cando circulaba pola N-640, ao paso por Matalobos. 

Como consecuencia do impacto, a muller quedou atrapada no interior do coche e foi necesaria a intervención dos equipos de emerxencias. Así, desde o 112 Galicia, avisouse aos membros do GES da Estrada, así como aos Bombeiros do Deza e aos axentes da Garda Civil de Tráfico co fin de coñecer todos os detalles do accidente.

A primeira intervención dos efectivos do servizo de emerxencias da localidade facilitou a liberación da ferida para o seu posterior traslado ao centro hospitalario de referencia. Deste xeito, descartouse xa a intervención dos equipos do parque comarcal do Deza.