Escoitar
mércores, 25 Abril, 2018

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron a un viandante que resultou ferido de gravidade logo de ser atropelado por un turismo en Santiago.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse na Avenida Rosalía de Castro, xunto á Alameda, cando un turismo golpeou a un peón e continuou a marcha.

Así o explicou unha testemuña do accidente, que se puxo en contacto co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 preto das once da noite pasada.

Ao lugar do accidente, desprazáronse os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que evacuaron ao ferido en estado grave ao complexo hospitalario de referencia; e os axentes da Policía Local.

Accidente de moto en Lalín
Ademais, o 112 Galicia tivo constancia dun motorista que resultou ferido tras caer do seu vehículo en Lalín.

O sinistro rexistrouse preto das oito da tarde de onte na N-640, ao paso pola parroquia lalinense de Goiás.

Para atender ao ferido, os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias enviaron á zona o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Sen embargo, a persoa puido ser, finalmente, trasladada en ambulancia.

Desde o CIAE 112, tamén se informou aos efectivos do GES da localidade, así como aos bombeiros do Deza, que descartaron intervir ao confirmarse que a persoa estaba liberada e accesible.