Imaxe escoitar Escoitar
xoves, 4 Marzo, 2021

Un operario resultou ferido ao mediodía de hoxe no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez despois de caer nunha gabia de dous metros de profundidade.

A actuación dos Bombeiros do Eume foi necesaria para axudalo a abandonar o lugar onde sucedeu o incidente e así, facilitar a súa evacuación ao Hospital Arquitecto Marcide polo equipo sanitario de urxencias.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ao recibir a chamada dun compañeiro do operario afectado ao fío das 13:00 horas. Durante a comunicación cos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, informaba que o home realizaba labores nunha gabia -localizada nunha pista forestal próxima ao Polígono de Pena Purreira- cando parte do terreo cedeu.

Malia que o ferido atopábase liberado, era precisa a intervención dos equipos de emerxencia para movelo debido ás lesións provocadas pola caída.

Dese xeito, ademais dos bombeiros, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez finalizado o operativo, os Bombeiros do Eume confirmaron que, ao tratarse dunha cavidade de dous metros de profundidade, tiveron que axudar ao operario a abandonala con seguridade para que, finalmente, o equipo sanitario puidese evacualo ao centro médico.

facebook twitter instagram