Un operario foi evacuado de urxencia ao centro hospitalario de referencia despois de caer dunha altura duns cinco metros no municipio de Vilasantar, na Coruña.
As lesións provocadas pola caída motivaron o desprazamento do helicóptero medicalizado con base en Santiago para facilitar a atención sanitaria.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o accidente laboral tivo lugar ás 17:30 horas na parroquia de Présaras. Foron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 os que chamaron para comunicar a mobilización da aeronave e solicitar a presenza de equipos de emerxencia para colaborar na evacuación do operario que, tras a caída, atopábase nunha zona de difícil acceso.
Así, desde o 112 puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Arzúa e dos membros do GES de Curtis.
Unha vez no lugar, as dotacións de intervención prestaron apoio ao equipo médico e, finalmente, o ferido puido ser trasladado a bordo do helicóptero sanitario.
Ao lugar do accidente se desprazaron os axentes da Garda Civil co fin de coñecer as circunstancias nas que se produciu o suceso. Ademais, os efectivos de Protección Civil da localidade tamén foron avisados.