Escuchar
mércores, 12 Agosto, 2020

Unha ambulancia envorca mentres evacuaba a un doente en Malpica.

Ocorreu na AC-418 ás 9:30 horas de hoxe, cando, en pleno servizo, a ambulancia saíuse da vía e envorcou de forma que o enfermo quedou atrapado e os dous técnicos que manexaban a ambulancia resultaron feridos.

Así, pois, para liberar ao doente, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Bergantiños xunto cos membros do GES de Ponteceso.

Igualmente, tivo que mobilizarse outra ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, esta vez para a evacuación dos dous tecnicos feridos e do doente que foi excarcerado.

Cómpre sinalar que este operativo activouse no 112 Galicia grazas á chamada dunha persoa particular que foi testemuña do suceso e viu como tras envorcar os técnicos da ambulancia saíron do vehículo para poder atender ao doente.

Ademais dos servizos de emerxencias, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pediu a colaboración dos axentes da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil.