Os membros do GES da Estrada encargáronse da súa liberación, tralo que foi evacuada en ambulancia polo persoal sanitario.
Pasaban escasos minutos das 20 horas da tarde do domingo cando un particular informou ao 112 Galicia do ocorrido: acababa de presenciar un choque entre dous vehículos no quilómetro 2 da AC-241, en Vedra. Desde o primeiro momento, o alertador explicaba que unha das persoas implicadas era incapaz de saír ao exterior.
De inmediato, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES e dos membros do Servizo Municipal de Protección Civil da Estrada e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.
Finalmente, o GES da Estrada empregou o seu material de excarceración para liberar a unha das implicadas no accidente, que foi trasladada ao centro hospitalario de referencia.
Colisión múltiple cunha persoa ferida nas Neves
ACTUALIZACIÓN: Finalmente foron seis os vehículos implicados e tres as persoas feridas, dúas delas evacuadas en ambulancia.
Esta mañá, dez minutos antes das 8 horas, o 112 Galicia tamén tivo constancia dun accidente que implicou a catro vehículos no quilómetro 285 da A-52, ao seu paso pola parroquia de San Pedro de Batalláns.
Foi o condutor dun camión implicado no sinistro o que informou ao 112 Galicia de que colidira contra outros coches que se accidentaran previamente. Pouco despois, outro alertador indicaba que unha das persoas precisaba asistencia sanitaria.
Neste operativo participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES-SPEIS de Ponteareas, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada.