Escoitar
venres, 26 Novembro, 2021

Un condutor necesitou ser excarcerado do interior do vehículo que manexaba despois de colidir contra outro coche, no concello de Bergondo.

Os operadores do 112 Galicia recibiron as chamadas de varias testemuñas do sinistro, ao fío das nove e media da noite. Nas comunicacións indicábase que no accidente, ocorrido na estrada comarcal AC-164 á altura do lugar de Moruxo, había unha persoa que non podía saír dun dos turismos implicados.

Así, desde o CIAE-112 Galicia alertouse dos feitos aos Bombeiros de Betanzos, ao persoal sanitario, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e aos membros de Protección Civil do municipio.

Ao final, os Bombeiros comunicaron que tiveron que excarcerar a unha persoa para que puidese ser trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Co fin de manter e restablecer a seguridade na  vía, desde o 112 tamén se informou ao persoal de mantemento da estrada.