Imaxe escoitar Escoitar
xoves, 22 Xullo, 2021

O avisoTres persoas necesitaron ser trasladadas despois de sufrir unha colisión entre dous vehículos, no concello de Mos.

A poucos minutos das dúas da tarde, un particular contactou co 112 Galicia para informar dun accidente de tráfico en Tameiga, no Camiño Costa de Faquiña. Nese momento, tamén se recibiu a mesma información mediante unha chamada dos servizos sanitarios. 

Así, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia facilitáronlle os datos aos axentes da Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros do Porriño e ao Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Finalmente, os membros de Protección Civil de Mos indicáronlle ao 112 que tres persoas implicadas no sinistro foron trasladadas ata os centros hospitalarios de referencia.

Accidente múltiple en Carballo
Por outra banda, pasadas as 15:00 horas, o 112 Galicia tamén foi coñecedor dun choque entre tres turismos, en Carballo.

Foi unha testemuña quen alertou do sinistro ocorrido na Avenida de Bértoa e no que indicaba que había unha persoa ferida.

Con estes datos, desde o CIAE-112 comunicóuselle o suceso aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros de Carballo e a Protección Civil.

Xa no lugar, a patrulla da Policía Local confirmou a implicación de tres vehículos no accidente e comunicou que unha persoa necesitou ser trasladada pola ambulancia.

Saída de vía en Catoira
Ademais, tamén foi trasladada unha persoa, ata o Hospital do Salnés, tras sufrir unha saída de vía co vehículo que manexaba, en Catoira.

O aviso entrou no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112 Galicia) mediante unha chamada do 061 que situaba o accidente no paseo do miradoiro da ría.

Deste xeito, o 112 informou á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Vilagarcía, ao GES de Padrón e a Protección Civil de Catoira.

facebook twitter instagram