Un accidente entre un autocar e un coche obrigou a trasladar, esta mañá, a dúas persoas en Vilagarcía de Arousa.
Pasadas as oito e media da mañá, un particular poñíase en contacto co 112 Galicia para informar dunha colisión entre un bus con pasaxeiros e un turismo na Avenida de Rosalía, na parroquia arousá de Carril.
Con estes datos, os xestores do 112 Galicia deron aviso, de inmediato, aos servizos sanitarios, á Policía Local, aos Bombeiros de Vilagarcía e ao Servizo Municipal de Emerxencias.
Xa no lugar, a Policía Local sinalou que no autobús ían arredor de 14 pasaxeiros e confirmou que un deles resultara ferido. Ademais, os servizos sanitarios tamén tiveron que trasladar ao condutor do outro vehículo implicado no sinistro ao Hospital do Salnés.