Escuchar
luns, 16 Xullo, 2018

Tres persoas resultaron feridas, dúas delas de carácter grave, a causa dunha colisión entre un turismo e unha moto na estrada de circunvalación de Ourense, en Lalín. 

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 10:45 horas de hoxe mediante a chamada dun particular que informaba dun choque entre un coche e unha moto á altura do Cruce de Botos. Así, desde o 112, pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios, que acudiron ao lugar do accidente a bordo dos helicópteros medicalizados de Santiago e Ourense. De feito, os dous ocupantes da moto foron evacuados en senllas aeronaves ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

No que respecta ao condutor do turismo, os membros do GES de Lalín indicaron que foi evacuado ao Centro de Saúde da localidade. Ademais de colaborar co equipo médico, os efectivos do Servizo Supramunicipal de Emerxencias procederon á limpeza da vía co fin de restablecer as condicións de seguridade na zona.

Igualmente, neste operativo, participaron os axentes da Policía Local e foron informados os Bombeiros do Deza.