Escoitar
mércores, 22 Xuño, 2022

Un home que circulaba nun coche perdeu a vida ao bater de xeito frontal contra un todoterreo, no que viaxaba unha muller, que tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Celanova.

O accidente produciuse no punto quilométrico 13 da OU-540, á altura do concello da Merca.

Foron varias as persoas particulares que contactaron co 112 Galicia para dar conta do sinistro, ao fío das 13:00 horas.

Acto seguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Celanova, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata o lugar dos feitos.

Malia os esforzos, nada se puido facer por salvarlle a vida ao condutor do coche. Por outra banda, a muller que circulaba no todoterreo foi trasladada nunha ambulancia ao centro hospitalario de referencia.