Escoitar
xoves, 11 Agosto, 2022

Unha muller tivo que ser excarcerada do seu vehículo ás 9:20 horas da mañá de hoxe tras colidir cun autobús no quilómetro 305 da N-525, á altura de Silleda en dirección Santiago. No autobús, que saíra de Lalín e se dirixía á estación de Santiago, viaxaban 17 pasaxeiros e o condutor, ningún deles precisou asistencia médica. O accidente provocou unha fuga de combustible que orixinou unha importante mancha. Isto, engadido a que ambos vehículos quedaron detidos no medio da estrada, deu lugar a importantes retencións de tráfico segundo indicaron efectivos de Protección Civil de Silleda.

O 112 Galicia recibiu a chamada dun dos ocupantes do autobús informando da posibilidade dunha persoa ferida no interior do outro vehículo implicado. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Silleda, a Guardia Civil de Tráfico, a Policía Local de Silleda e os servizos de mantemento da estrada foron avisados polo 112 e se desprazaron ata o lugar.

A condutora do turismo atopábase liberada pero tiña un brazo roto e o seu vehículo presentaba danos estruturais que impedían acceder a ela a través das portas dianteiras. Os Bombeiros de Silleda traballaron para estabilizala e, finalmente, excarcerárona sacándoa por unha das ventás.

Por outra banda, os restos materiais desprendidos no accidente, que quedaran esparexidos pola vía, levaron a requirir a presenza da Guardia Civil de Tráfico, que se encargou de regular a circulación ata que os servizos de emerxencias conclúan cos traballos de limpeza. Arredor do mediodía, os Bombeiros confirmaron ao 112 Galicia que remataran as tarefas de limpeza da mancha de combustible. Esta, que se estendía ao longo de 400 metros, os obrigara a empregar un camión bomba, a fin de restablecer o estado normal do tráfico no menor tempo posible.  

facebook twitter instagram