Imaxe escoitar Escoitar
luns, 17 Maio, 2021

A muller que percorría a senda Camiño dos Faros, en Malpica, atopábase en Punta Ensubelas, nun lugar de difícil acceso, segundo indicou a persoa que chamou ao 112 para pedir axuda.

Sobre as 15:15 horas desta tarde, unha persoa particular solicitaba asistencia sanitaria ao 112 para unha muller que non se podía mover. Indicaba que se atopaban na Costa da Morte, facendo a senda do Camiño dos Faros, nun lugar ao que só se podía acceder por terra e por aire.

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil e dos membros do GES de Ponteceso. De igual xeito, informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Tamén os Bombeiros de Carballo foron avisados por se fose precisa a súa intervención.

Finalmente, a muller, conseguiu chegar ata o punto onde a agardaba unha ambulancia para ser trasladada ao centro hospitalario de referencia.

Sendeirista indisposta no Courel
Pasados dez minutos das doce e media deste mediodía, o 112 Galicia puxo en marcha un operativo de rescate para unha muller que sufrira unha indisposición cando facía unha ruta de sendeirismo, en Folgoso do Courel.

Foi un particular quen, a esa hora, contactou co 112 para indicar que se atopaban facendo a Ruta da Devesa da Rogueira, a tres quilómetros aproximadamente do punto de partida, en Aula da Natureza de Moreda. Ao igual que no caso anterior, comunicaba as dificultades para acceder á persoa,  ademais, relataba que ningún vehículo podería acceder e que só sería posible baixar á afectada nunha padiola.

Tras pasar o aviso aos profesionais sanitarios, indicaron que, debido ás dificultades do tramo, a ambulancia agardaríaos a uns sete quilómetros aproximadamente.

Tamén formaron parte do operativo, a Garda Civil, os Bombeiros de Monforte, o GES de Quiroga e os efectivos de Protección Civil de Folgoso.

Con todo, a muller, tras recuperar un pouquiño o seu estado de saúde e coa axuda dos acompañantes, conseguiu poñerse en pé e baixar o tramo, ata atoparse cos efectivos de Protección Civil que procedían a subir o  sendeiro para axudar á muller.

Así, tras localizar á paciente, foi levada ata o vehículo que os efectivos de emerxencias desprazaron ao punto para trasladala ata onde a agardaba a ambulancia.

facebook twitter instagram