Imaxe escoitar Escoitar
martes, 2 Xuño, 2020

Unha avaría nun depósito exterior dun crematorio situado na Picota, en Barreiros, provocou unha fuga de gas e foi a causa pola que os veciños da zona tiveron que permanecer confinados nas súas vivendas coas fiestras pechadas, mentres non se solucionou a avaría. Ademais, foi necesario interromper a circulación ao tráfico na estrada que pasa por ese lugar.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as 20:00 horas da tarde pasada. A esa hora, unha persoa particular comunicaba aos xestores de emerxencias da saída de gas dun depósito. Aseguraba que os técnicos da empresa subministradora do gas xa se dirixían ao punto, pero, así mesmo, solicitaba a intervención dos Bombeiros. Por iso, desde o 112 Galicia decontado se puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de extinción do parque de Barreiros. Tamén foron informados da situación os axentes da Garda Civil e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Nada mais chegar ao lugar e facer as correspondentes medicións, os Bombeiros confirmaron o escape de gas procedente dun depósito de propano situado no exterior do recinto, polo que procederon a balizar a zona, confinar aos veciños nas vivendas e a interromper o tráfico.

Tras conseguir deter a fuga e taponar o depósito, os veciños volveron á normalidade e a circulación ao tráfico quedou restablecida.

facebook twitter instagram