Alertas activas:

Escoitar
domingo, 10 Decembro, 2023

Un incendio iniciado nun microondas da cociña dunha vivenda situada na Rúa de Chile, na cidade da Coruña, foi a causa pola cal unha muller de avanzada idade tivo que ser trasladada ao Hospital Universitario de A Coruña.

Ás 21:45 da pasada noite o 112 Galicia recibiu o aviso por parte de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dun incendio nunha vivenda, no transcurso da chamada indicaban ademais que a muller que se atopaba dentro do domicilio non era capaz de abrir a porta.  Axiña, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros da Coruña, os cales tras acceder á vivenda e rematar a súa intervención, confirmaron que unicamente ardera un microondas da cociña.

Cabe destacar que, a maiores, tamén se informou aos axentes da Policía Nacional e Local e aos membros de Protección Civil de A Coruña.

Con todo, a muller tivo que ser trasladada ao CHUAC por inhalación de fume e queimaduras leves.

Outro incendio en A Coruña
De características similares foi o incendio que se produciu pasados cinco minutos das 22:30 horas da pasada noite tamén en A Coruña.

Foi a esa hora cando o 112 Galicia recibiu o aviso por parte de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun lume na Rúa do Monasterio de Caaveiro. No transcurso da chamada, xa adiantaban que había persoas na vivenda que precisaban asistencia sanitaria debido á inhalación de gas producido polo incendio.

Unha vez levadas a cabo as tarefas de extinción, os Bombeiros da Coruña confirman ao 112 Galicia que ardeu unha frixideira e a campá extractora da cociña e, a maiores, tres persoas tiveron que ser atendidas no punto polos servizos sanitarios, aínda que non foi necesario o seu traslado.

Cabe destacar, que neste operativo tamén foron informados os axentes da Policía Nacional e Local.

facebook twitter instagram