Imaxe escoitar Escoitar
domingo, 19 Marzo, 2023

Como consecuencia do incendio, orixinado nun aparato televisor antigo, unha intensa fumareda tomou conta das estancias da vivenda, o que provocou que dúas persoas, dunha mesma familia, tivesen que ser trasladadas polo equipo médico ata o centro hospitalario de referencia.

Todo sucedeu ás 11:10 horas desta mañá na Rúa Ángel del Castillo López, no concello coruñés de Arteixo. Un veciño, alarmado pola situación, chamou ao 112 Galicia para informar que vía saír fume do interior dun piso onde se atopaban unha muller e un menor.

Deste xeito, os xestores do 112 Galicia pasaron aviso, de maneira inmediata, aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Arteixo. Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron ao 112 que a nai e o menor tiveron que ser evacuados en ambulancia, afectados por inhalación de fume.

Segundo a información facilitada polos membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento, o lume comezou por culpa do mal funcionamento dunha televisión e estendeuse rapidamente polos mobles lindeiros. Deste xeito, foi necesario apagar as lapas e proceder con una extensa ventilación da vivenda.

Ao lugar tamén acudiron axentes da Policía Local e efectivos de Protección Civil de Arteixo.

facebook twitter instagram