Unha muller e un neno resultaron feridos esta tarde nunha colisión na que se viron implicados un camión e un coche en Vilamarín. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as dúas vítimas, que viaxaban no turismo accidentado, tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario.
Debido á gravidade do sinistro, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou ata o lugar do accidente ao helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que finalmente, tanto a muller coma o neno foron trasladados nunha ambulancia.
Os feitos ocorreron no lugar da Pena, na parroquia de Reádegos, ao fío das 16:50 horas.
Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente.
Decontado, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil de Vilamarín e aos Bombeiros do Carballiño.