Ambas persoas foron trasladadas ao Hospital Provincial polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Un dos particulares implicados no accidente chamou ao 112 Galicia minutos antes das 18:30 horas, para alertar de que acababa de colidir con outro turismo no lugar das Casiñas-Santa Xusta, en Moraña. Na mesma chamada solicitaba asistencia sanitaria, xa que explicaba que varias persoas resultaran feridas, e indicaba que os vehículos non entorpecían a circulación.
Neste operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazou ata o lugar a bordo dunha ambulancia, a Garda Civil de Tráfico e os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Moraña. Á súa vez, informouse ao GES da Estrada.
Unha vez finalizada a súa intervención, o persoal sanitario encargouse de evacuar a dúas persoas, unha muller embarazada e unha menor de idade, ao Hospital Provincial.