Imaxe escoitar Escoitar
luns, 20 Setembro, 2021

Un incendio orixinado nas instalacións dun cámping, en Bergondo, saldouse cunha muller trasladada por inhalación de fume.

Pasadas as dez e media da noite, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular que informaba de que acababa de orixinarse un incendio no interior dun cámping do lugar de Moruxo e que, pese a que varias persoas estaban tentando sufocalo con extintores, descoñecía se podía ir a máis.

Nese momento, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) alertouse aos Bombeiros de Betanzos, á Garda Civil, aos membros de Protección Civil do concello e, como medida preventiva, aos servizos sanitarios.

Ao remate das tarefas de extinción das lapas no lugar, a dotación de Bombeiros confirmoulle ao 112 que no incendio ardeu diverso mobiliario acumulado nas instalacións. Pola súa banda, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 indicou que unha muller necesitou ser trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña ao presentar síntomas de inhalación de fume.

Arden tres tractores en Vimianzo
Por outro lado, tres tractores arderon en Vimianzo, xunto con diverso material agrícola, tras declararse un incendio no lugar de Baíñas.

Varias testemuñas chamaron ao 112 Galicia, arredor das tres da madrugada, para informar de que ardía un tractor nas proximidades dunha nave agrícola. Ademais, indicaban que non había persoas no interior e que as vivendas próximas non corrían perigo.

De inmediato, desde o CIAE-112 Galicia déuselle aviso aos Bombeiros de Cee, aos axentes da Garda Civil e a Protección Civil da localidade.

Finalmente, os Bombeiros de Cee comunicaron que as lapas calcinaron tres tractores, unha máquina recolledora de millo e un remolque pero que tamén se viu afectado diverso material.

facebook twitter instagram