Imaxe escoitar Escoitar
luns, 18 Novembro, 2019

Os bombeiros liberaron esta mañá a unha muller que quedou atrapada no seu turismo logo de bater con outro en Cabanas.

Como consecuencia do impacto, ambos os dous condutores sufriron lesións de diversa consideración e foron evacuados ao hospital de referencia.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro sucedeu esta mañá, preto das oito, na N-651, ao paso pola parroquia de Laraxe. Alí acudiron os Bombeiros do Eume, xa que unha das condutoras implicadas no accidente quedou atrapada no seu vehículo despois de producirse o impacto. Deste xeito, en canto puido ser liberada polo equipo de salvamento, a muller foi atendida polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que tiña a disposición os medios necesarios para o seu traslado.

No mesmo accidente resultou ferido o outro condutor implicado, que foi evacuado ao centro hospitalario de referencia.

Ademais, co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, os axentes da Garda Civil de Tráfico solicitaron a intervención dos equipos de limpeza e mantemento, neste caso dependentes do Ministerio de Fomento, para retirar os danos provocados polo golpe.

Colisión múltiple en Tui
Por outra banda, cómpre salientar outro sinistro rexistrado nas últimas horas do día de onte no que se viron implicados un total de 10 vehículos. Ocorreu ás 19:30 horas na A-55, ao paso por Randufe, onde unha colisión entre oito coches provocou retencións e dificultades na circulación, que deron lugar a un novo choque entre dous turismos. Deste xeito, un total de 10 turismos bateron na A-55 sen consecuencias para as persoas, salvo un condutor que resultou ileso do accidente, pero sufriu unha torcedura nun pé cando baixaba do coche.

Despois das chamadas de diversos particulares que contactaron co 112 Galicia, activouse un operativo no que participaron os Bombeiros do Porriño, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, agrupación de voluntarios de Protección Civil de Tui e os equipos de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento. 

 

facebook twitter instagram