Imaxe escoitar Escoitar
martes, 1 Marzo, 2022

Unha muller sufriu queimaduras de diversa consideración debido a un incendio declarado no interior da súa vivenda, no concello coruñés de Abegondo.

De acordo coa información facilitada polos efectivos de Protección Civil da localidade ao 112 Galicia, o lume foi provocado por un líquido inflamable usado para prender a cheminea. Segundo o seu relato, a muller manexaba o recipiente cando un incidente provocou que o seu contido alcanzase o sofá, o que provocou que o moble comezase a arder.

Como consecuencia, o incendio consumiu o salón da vivenda e as demais estancias remataron afectadas polo fume.

Foi a propia implicada quen chamou ao 112 para solicitar axuda preto das dez horas da mañá de hoxe. Durante a comunicación cos xestores de emerxencias, indicaba que lle ardía a casa e que necesitaba asistencia sanitaria por mor dalgunhas queimaduras.

Deste xeito, os profesionais sanitarios acudiron ao domicilio na parroquia de Presedo para atender á ocupante da vivenda. Así, tras recibir os primeiros coidados, a ferida foi evacuada en ambulancia ata o centro hospitalario.

Para facer fronte ao incendio e prestar apoio ao equipo médico, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Betanzos, dos axentes da Garda Civil e dos membros de Protección Civil de Abegondo.

 

facebook twitter instagram