Escoitar
martes, 20 Outubro, 2020

Unha muller foi trasladada esta tarde ao centro hospitalario de referencia despois de declararse un incendio na cociña dun piso en Narón. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros da localidade, a inquilina presentaba síntomas compatibles de intoxicación por inhalación de fume. Ademais, o lume deixou importantes danos nesa estancia da vivenda, ao queimar a cociña por completo e o seu mobiliario.

Os feitos sucederon na rúa de Moeche, nun edificio de dous andares, ao fío das 13:30 horas. Foi, nese momento, cando unha veciña do inmoble alertaba ao 112 Galicia do incendio. Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitaron a intervención, ademais dos Bombeiros de Narón, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Policía Local.