Escuchar
xoves, 5 Decembro, 2019

Cinco persoas resultaron feridas, dúas rescatadas do interior do vehículo envorcado, ademais de dous peóns, nai e fillo, e mais o condutor dun vehículo aparcado próximo, tras ser alcanzados por un turismo despois de envorcar na Rúa Luís Antonio Mestre, no Grove.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 18:30 horas desta tarde mediante as diversas chamadas de persoas alertadas por un vehículo que quedara coas catro rodas para arriba nese lugar. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, avisouse aos Bombeiros do Salnés e aos membros do GES de Sanxenxo para liberar ás dúas persoas atrapadas no interior do coche, ademais dos profesionais sanitarios para atención e traslado dos feridos ata o centro hospitalario de referencia.

Do mesmo xeito, neste operativo foi necesaria a colaboración dos axentes da Policía Local e Protección Civil da localidade co fin de facilitar a actuación dos servizos de emerxencias.

Camión envorcado
Unha hora e media antes, concretamente as cinco desde tarde, o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta de varias persoas particulares para advertir dun camión que sufrira unha saída de vía cando circulaba pola AG-56 ao seu paso polo concello de Brión, no punto quilométrico 10, sentido Noia.

Ata o lugar acudiron, informados polo 112 Galicia un o persoal de urxencias sanitarias, os membros do GES de Brión e os axentes da Garda Civil de Tráfico.

Como consecuencia da saída de vía, segundo os datos facilitados polo GES o camión accidentado vai ser recollido por un guindastre ao quedar encaixado entre un desnivel e un muro de formigón próximo.