Escoitar
sábado, 28 Novembro, 2020

Unha persoa lanzouse ao mar esta mañá na Coruña para socorrer a unha muller que foi levada por unha onda cando se atopaba na area da Praia do Orzán. Segundo a información recollida polo 112 Galicia, unha vez rescatada, a muller foi atendida no areal polos servizos sanitarios que, posteriormente, a trasladaron ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O suceso ocorreu preto das 12:45 horas e foron varias as persoas particulares que alertaron dos feitos ao 112 Galicia.

Nada máis ter coñecemento do sucedido, desde o CIAE 112 Galicia alertouse, ademais de ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Salvamento Marítimo e ao equipo acuático dos Bombeiros da Coruña, cuxa intervención quedou descartada ao confirmarse que a muller xa estaba fóra da auga.

Cómpre sinalar que os xestores de Emerxencias 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos axentes da Policía Local e tamén do Servizo de Gardacostas de Galicia, por se fosen necesarios máis medios de rescate.