Escoitar
mércores, 13 Outubro, 2021

Unha saída de vía dun turismo en Caldas de Reis saldouse cunha persoa falecida e outras dúas feridas.

Concretamente, o accidente produciuse no punto quilométrico 1 da EP-8001, na parroquia de Carracedo, ao fío das cinco e cuarto.

Foi, nese momento, cando o 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro a través dunha persoa particular.

Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero nada puido facer por salvarlle a vida a un dos ocupantes do vehículo.

Ademais, desde o 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Vilagarcía, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.

Coche que envorcou
Por outra banda, na Coruña, un coche que circulaba pola Ronda de Outeiro quedou envorcado despois de precipitarse ao cruce da rúa Montevideo coa rúa dos Caballeros con dúas persoas no seu interior.

Sucedeu ás seis desta tarde e, segundo a información facilitada ao 112 Galicia, as dúas persoas que viaxaban no vehículo puideron saír do coche polos seus propios medios e, posteriormente, foron trasladadas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Foron varias persoas particulares as que contactaron co 112 Galicia para dar conta do accidente e, axiña, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros da Coruña, da Policía Local e de Protección Civil.

Atropelo a unha menor
Ademais, unha nena resultou ferida en Ferrol ao ser alcanzada por un coche na Estrada de Castela, no número 363.

Os feitos ocorreron ás sete menos dez desta tarde. A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar do atropelo e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local, aos Bombeiros de Ferrol e a Protección Civil.