Escuchar
luns, 13 Xullo, 2020

Unha persoa faleceu este mediodía tras producirse un choque entre dous vehículos na PO-531, á altura do punto quilométrico 5, ao seu paso pola parroquia de Alba, en Pontevedra.

O sinistro mortal tivo lugar ao fío das 15:45 horas. Nese momento, os xestores do 112 Galicia recibiron diversas chamadas de alerta que solicitaban axuda para os ocupantes dos turismos accidentados. Segundo a información facilitada polas testemuñas, a causa do impacto, unha persoa resultou atrapada e necesitaba auxilio inmediato.

Decontado, desde o 112 pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Pontevedra. Desafortunadamente, unha vez no lugar dos feitos, os servizos de emerxencia confirmaron que a vítima se encontraba atrapada e falecida no interior do vehículo.

Co fin de garantir as condicións de seguridade na vía para que os equipos de intervención puidesen realizar os traballos de excarceración, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos membros de Protección Civil da localidade e do servizo de mantemento da estrada.