Unha persoa perdeu a vida a pasada tarde despois de que o coche no que circulaba rematase fóra da vía e batese contra un tractor na parcela dunha casa, no punto quilométrico 5 da LU-P-0102, na Pastoriza.
O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente ao fío das oito, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Vilalba, ao GES da Pontenova e á Garda Civil de Tráfico.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, os Bombeiros de Vilalba descartaron empregar o material de excarceración, xa que a persoa accidentada se atopaba accesible. Por outra banda, os servizos sanitarios desprazados tan só puideron confirmar o seu falecemento.
Colisión entre dous turismos en Ponteareas
Ademais, dúas persoas resultaron feridas e unha delas necesitou ser excarcerada polo GES-SPEIS de Ponteareas despois de que chocasen dous coches no punto quilométrico 650 da N-120, á altura de Ponteareas.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos voluntarios de Protección Civil do Porriño, os dous condutores dos vehículos implicados no accidente foron trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Os feitos sucederon ao fío das dez. Foi, a esa hora, cando varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar da colisión.
De xeito inmediato, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES-SPEIS de Ponteareas, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil.