Escoitar
sábado, 25 Setembro, 2021

Os servizos de emerxencia interviñeron na mañá de hoxe para liberar a unha persoa, atrapada no interior do vehículo no que viaxaba, despois de sufrir unha saída de vía en Xinzo de Limia, Ourense.

Ás 12:30 horas, varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar dun accidente na OU-1105, á altura do punto quilométrico 4. Segundo a información facilitada polas testemuñas do suceso, o turismo saíuse da vía e envorcou lateralmente mentres circulaba polo lugar de Solveira. Pese ao impacto, o ocupante do vehículo atopábase consciente, aínda que imposibilitado de abandonar o turismo polos seus propios medios.

Con eses datos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos servizos sanitarios e dos Bombeiros de Xinzo de Limia. Unha vez no lugar dos feitos, os equipos de emerxencia empregaron o material de excarceración para liberar á persoa que, finalmente, puido ser atendida polos profesionais sanitarios. De feito, o equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicou ao 112 a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar do sinistro pero, finalmente, o ferido –e único ocupante do vehículo- foi evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

Para prestar apoio aos bombeiros e aos profesionais sanitarios, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, ademais dos efectivos de Protección Civil da localidade.