Imaxe escoitar Escoitar
martes, 23 Novembro, 2021

Unha persoa tivo que ser excarcerada, a pasada noite en Padrón, logo de sufrir unha saída de vía co vehículo que manexaba.

O accidente ocorreu no lugar de Bascuas, pertencente á parroquia de Cruces, ás 21:00 horas. Foi unha testemuña do sinistro quen alertou ao 112 Galicia de que un turismo acababa de quedar envorcado na estrada e de que no seu interior permanecía unha persoa atrapada.

De inmediato, desde o CIAE-112 Galicia notificóuselle o ocorrido aos Bombeiros de Boiro, ao GES de Padrón, ao persoal sanitario e aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Ao remate das tarefas no lugar, os membros do GES comunicaron que tiveron que excarcerar a unha persoa para que puidese ser trasladada polos servizos sanitarios.

Colisións múltiples en Lugo e Vigo
Por outra banda, pasadas as sete da tarde, tiveron lugar dous accidentes múltiples entre tres coches nas cidades de Vigo e de Lugo, con unha e dúas persoas feridas respectivamente.

En Lugo, o alcance produciuse na Avenida Infanta Elena e foi unha persoa particular quen lle deu o aviso ao 112. Así, informouse á Policía Local, aos Bombeiros e ao 061.

No accidente de Vigo, foi o persoal de urxencias médicas quen comunicou a colisión múltiple aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia. Esta tivo lugar no punto quilométrico 2 da AP-9V para onde se mobilizou á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e ao persoal de mantemento da estrada. Ademais, tamén se lle comunicou o ocorrido aos Bombeiros, a Protección Civil e ao Centro de Xestión de Tráfico.

facebook twitter instagram