Imaxe escoitar Escoitar
mércores, 15 Setembro, 2021

Unha persoa necesitou ser liberada, polos servizos de emerxencia, do interior do vehículo no que circulaba e co cal sufriu unha saída de vía, na localidade ourensá de Monterrei.

Ao fío das 09:15 horas, o 112 Galicia recibiu unha chamada de urxencias médicas que informaba dun accidente de tráfico cun coche implicado, na estrada que une os lugares de Medeiros e Albarellos. Ademais, na comunicación engadían que o vehículo quedara envorcado e que había unha persoa, no seu interior, que non podía saír.

De contado, os operadores do CIAE-112 Galicia alertaron aos Bombeiros de Verín, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil do concello.

Ao remate da intervención, a dotación de Bombeiros desprazada ao punto confirmoulle ao 112 que a persoa tivo que ser liberada do coche, logo de retirar as fiestras do vehículo, para poder ser trasladada en ambulancia polo persoal sanitario.

Saída de vía en Barbadás
Por outra banda, unha persoa resultou ferida e tivo que ser trasladada depois de saírse da vía o coche que manexaba, en Barbadás.

O sinistro tivo lugar ás once e cuarto da mañá na estrada OU-0519, arredor do punto quilométrico 5, en Piñor.

Unha vez recollidos os datos do particular que chamou ao 112 Galicia, notificóuselle a información ao persoal sanitario, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, aos Bombeiros de San Cibrao, ao GES de Pereiro de Aguiar e a Protección Civil de Barbadás.

Colisión contra un muro en Ponteceso
Escasos minutos despois, o 112 Galicia tamén tivo coñecemento dun accidente de tráfico contra o muro dunha vivenda do lugar de Bardaio, en Ponteceso.

Foi a propia persoa propietaria do domicilio quen se puxo en contacto co 112 Galicia para alertar do sinistro, ocorrido no punto quilométrico 2 da estrada DP-6805, e solicitar asistencia médica para o punto.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia déuselle aviso ao 061, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros de Carballo e ao GES da localidade. Estes últimos confirmaron, desde o lugar, que a persoa ferida ía ser trasladada.

 

 

facebook twitter instagram