Escoitar
martes, 12 Outubro, 2021

Os comensais tiveron que abandonar o establecemento logo de declararse un incendio na cociña. Segundo puido saber o 112 Galicia, unha persoa foi evacuada polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.

Tamén de acordo cos equipos de intervención que se desprazaron ata o local, ardeu a campá extractora e o lume afectou á cheminea e a parede da cociña dun local de hostalaría localizado na Estrada Vella de Santiago, en Lugo. O incidente provocou abundante cantidade de fume, que acabou por afectar ás demais estancias do restaurante.

Ás 12:45 horas, os xestores do 112 Galicia recibiron a chamada dunha persoa particular que solicitaba medios de extinción para controlar o incendio. No seu relato, a testemuña do suceso indicaba que houbo unha explosión e que se viron afectadas a grella e a cheminea do establecemento. Ademais, informaba que as persoas que se atopaban no seu interior estaban abandonando o local, por precaución.

Con estes datos, desde o 112 pasouse aviso de inmediato aos Bombeiros de Lugo, á Policía Local e aos membros de Protección Civil da cidade. Igualmente, tras ser informados polos axentes de que cabía a posibilidade de que houbese persoas afectadas por inhalación de fume, os xestores do 112 solicitaron a intervención do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Finalmente, os Bombeiros de Lugo comunicaron ao 112 que traballaron arreo no local para restablecer as condicións de seguridade, o que consistiu en atallar as lapas, comprobar a completa extinción dos focos de lume e a exhaustiva ventilación do establecemento.

Arde por completo un pendello en Vimianzo
Por outra banda, no concello coruñés de Vimianzo, un incendio nun vehículo agrícola calcinou por completo un pendello na parroquia de Tines. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

Preto da unha hora da tarde, o 112 Galicia recibiu o aviso dunha persoa que solicitaba axuda para conter as lapas que afectaban a cabina dun tractor almacenado no interior dun alpendre.

Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Cee, aos axentes da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil de Vimianzo. Unha vez no lugar, os medios de extinción confirmaron que a construción quedou totalmente consumida polas lapas, o que incluíu o vehículo agrícola e tamén algo de leña almacenada.