Escoitar
xoves, 22 Abril, 2021

Un lume orixinado nun colchón fixo que unha persoa requirise ser trasladada por inhalar fume, no concello da Coruña.

Pasadas as nove da noite de onte, o 112 Galicia comezou a recibir varias chamadas de particulares que solicitaban medios de extinción para un domicilio da rúa San Diego, xa que escoitaban a alguén berrar que ardía unha habitación.

Nese momento, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informouse aos Bombeiros da Coruña, aos axentes da Policía Local e aos servizos sanitarios de urxencia, ao descoñecer se alguén no lugar podía precisar asistencia médica.

Tras realizar as tarefas de extinción no punto, os Bombeiros da Coruña confirmaron ao 112 que apagaran un lume orixinado no colchón da vivenda, sen que se vise afectado nada máis no interior.

Finalmente, unha persoa precisou ser trasladada debido á inhalación de fume acumulado no domicilio ata o Hospital Modelo da cidade.