Escuchar
mércores, 25 Novembro, 2020

Unha persoa botouse ao mar para salvar a outra que caeu á auga na zona portuaria da Marina, na Coruña.

Os feitos aconteceron pasadas as sete desta mañá, tal e como relatou unha persoa particular que chamou ao 112 Galicia tras ver caer unha muller diante do porto naútico.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou a Salvamento Marítimo para a mobilización dos recursos necesarios, como a embarcación auxiliar Sargavia. Ademais, foron alertados os bombeiros da cidade da Coruña, que dispoñen dun equipo especializado nos rescates acuáticos. 

Con todo, a muller foi rescatada por outra persoa que se lanzou ao mar para socorrela. Unha vez fóra da auga, recibiu a atención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, posteriormente, evacuárona ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Este operativo contou, tamén, coa colaboración dos voluntarios de Protección Civil, axentes da Policía Local, Garda Civil e Autoridade Portuaria. Do mesmo xeito, o 112 Galicia enviou aviso ao Servizo de Gardacostas de Galicia por se fosen necesarios máis medios de rescate.