Escoitar
mércores, 14 Outubro, 2020

O 112 Galicia tivo coñecemento dun accidente de tráfico na Illa de Arousa que rematou cunha persoa falecida e outras tres feridas.

Así o confirmou o equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazou ao lugar do sinistro tras recibir no 112 Galicia a chamada de alerta dunha persoa particular.

Quen chamou ao número único de emerxencias indicou que o accidente, unha saída de vía dun vehículo, produciuse pasada a medianoite na rotonda de acceso á vila, na PO307. Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dos profesionais sanitarios e dos axentes da Garda Civil de Tráfico, que, pouco tempo despois, confirmaron o falecemento dun ocupante, mentres que os outros tres resultaron feridos de diversa consideración.

Cómpre sinalar que este operativo contou coa colaboración dos membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Cambados, que, unha vez no lugar dos feitos, xa advertiron da gravidade do suceso.

Camión cargado de cartón ardendo en Padrón
Por outra banda, o 112 Galicia rexistrou esta mañá outro suceso en Padrón que se saldou sen feridos, pero si con danos materiais importantes. Tratouse dun camión cargado con cartón, que comezou a arder na Rúa Castelao. A rápida intervención dos membros do GES da localidade permitiu extinguir o lume en pouco tempo, pero, con todo, botouse a perder toda a carga do camión e o incendio chegou a afectar aos cables de subministración eléctrica da zona. Isto pode ocasionar problemas aos veciños, polo que, desde o 112 Galicia, informouse á empresa encargada do servizo.

Este operativo activouse pasados uns minutos das sete desta mañá despois de recibir no 112 Galicia a chamada dunha persoa particular e mesmo do condutor do camión. Ás oito da mañá o lume xa estaba extinguido.