Imaxe escoitar Escoitar
mércores, 4 Agosto, 2021

Unha persoa faleceu na tarde de hoxe despois de sufrir un accidente co tractor que manexaba e rematar atrapada debaixo do vehículo agrícola no concello ourensán de Maceda, precisamente na parroquia de Santiso.

Tras ser alertados polo 112 Galicia, ata o lugar desprazáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de San Cibrao das Viñas e os membros de Protección Civil da localidade. De feito, o equipo médico comunicou ao 112 a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense para atender á vítima pero, finalmente, tan só puideron confirmar o seu falecemento. Ademais, os equipos de intervención tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar á persoa.

Todo ocorreu ás cinco horas desta tarde, cando un veciño chamou ao 112 Galicia para pedir asistencia médica urxente para unha persoa que quedara atrapada despois de envorcar o seu tractor.

Para coñecer as circunstancias que rodearon o suceso, desde o 112 avisouse aos axentes da Garda Civil. Cómpre sinalar que os efectivos do GES de Pereiro de Aguiar tamén foron informados.

Este é o segundo accidente coas mesmas características rexistrado polo 112 Galicia nas últimas 24 horas, e o terceiro cunha máquina agrícola. Os demais tiveron lugar na tarde do martes na cidade de Lugo.

facebook twitter instagram