Escuchar
mércores, 25 Marzo, 2020

Unha persoa resultou ferida a primeira hora da mañá de hoxe despois de atropelar a un cabalo co vehículo que conducía ao seu paso pola parroquia de Paraños, no concello pontevedrés de Covelo. O animal faleceu.

O sinistro rexistrouse no punto quilómetro 3 da EP-5107. O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao recibir a chamada de alerta do mesmo condutor, ás 7:00 horas. Segundo a información facilitada polo alertante aos xestores do 112, era necesaria a intervención dos profesionais sanitarios.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea.

A persoa ferida foi atendida in situ polos efectivos sanitarios e o corpo do animal foi retirado da vía polos servizos de conservación da estrada.

Ademais, desde o 112 Galicia tamén se avisou aos Bombeiros do Baixo Miño e aos membros do GES-SPEIS Ponteareas por se fose necesaria a súa intervención.

Por outra banda, dúas horas antes, o CIAE era advertido por varios particulares dunha manda de cabalos que interceptaban a vía, na parroquia lucense de Esperante, á altura da N-540. De acordo co relato dos condutores que pasaban pola zona, os animais corrían o risco de ser alcanzados por outros vehículos e provocar accidentes.

Así, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, ao servizo de mantemento da vía e tamén á Protección Civil de Lugo.

Colisión entre dous vehículos en Oleiros
Minutos antes das 8:00 horas, unha colisión entre dous vehículos en Oleiros, A Coruña, deixou unha persoa ferida.

O accidente tivo lugar na N-VI e foron varios os particulares que contactaron co 112 Galicia para informar dos feitos e solicitar asistencia sanitaria para o ocupante dun dos turismos.

Decontado, os xestores do 112 informaron da situación aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e aos efectivos de mantemento da estrada. Así mesmo, foron informados os Bombeiros de Arteixo e os membros de Protección Civil de Oleiros.