Escuchar
xoves, 9 Xullo, 2020

Unha persoa resultou ferida tras saírse da vía co seu vehículo e caer ás vías do tren cando circulaba á altura do polígono industrial de As Gándaras, no concello pontevedrés do Porriño.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos poucos minutos antes das doce horas deste mediodía tras recibir a chamada de alerta dos axentes da Policía Local. Segundo indicaban, un coche caera ás vías do tren e o seu ocupante parecía necesitar asistencia sanitaria.

Para garantir a atención do ferido e a retirada do vehículo coa maior seguridade posible, desde o 112 púxose en alerta ao persoal de ADIF, que confirmou a inactividade nese punto da vía férrea. Aínda así, foi necesario interromper a electricidade no tramo onde tivo lugar o incidente.

Cómpre sinalar que o condutor se atopaba liberado e accesible, de feito, puido saír polos seus propios medios do interior do turismo.

Dese xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ( CIAE) 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros do Baixo Miño, Garda Civil de Tráfico e membros de Protección Civil da localidade.

Nada máis chegar ao punto e descartar o uso do material de excarceración para liberar ao ferido, os equipos de emerxencia sinalizaron a zona para proceder á retirada do vehículo.