Escoitar
sábado, 8 Maio, 2021

A Xunta activou esta tarde o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) no nivel 1 a causa do incendio declarado na conserveira de Boiro, A Coruña.

A activación deste Plan, neste nivel, supón a mobilización de recursos de ámbito local ou supralocal para facer fronte a esta situación de risco e garantir a coordinación entre os organismos mobilizados. Deste xeito, un amplo operativo por terra, mar e aire foi posto en marcha para controlar a extensión dos danos e establecer un perímetro de seguridade.

Ás 14:30 horas, o 112 Galicia comezou a recibir numerosas chamadas de persoas particulares que informaban de ver saír fume dunha nave, en Bodión, na parroquia de Abanqueiro. Segundo a información recibida no 112, o lume comezou na zona de conxelados entendéndose ás demais instalacións do complexo empresarial.

Nada máis ter constancia dos feitos, púxose en marcha un amplo dispositivo para facer fronte ás lapas no que interveñen os Bombeiros de Boiro, Ribeira, Ribadumia e Santiago, os membros do GES de Noia, Sanxenxo e Muros, os efectivos de Protección Civil de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Noia e Cambados, equipos de Salvamento Marítimo e Gardacostas Galicia.

Tamén, no punto, atópanse os membros do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, dotacións do Servizo Provincial de Incendio e técnicos da empresa subministradora de enerxía da zona, así como,  os axentes da Policía Local, da Garda Civil e as autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

Agora, os recursos de emerxencias centran as súas tarefas en controlar a virulencia das lapas co fin de evitar que se propaguen e así, protexer as demais instalacións da contorna.

Cómpre sinalar que, aínda que, afortunadamente, non hai que lamentar danos persoais,  os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 tamén se atopan no lugar dos feitos, por se nalgún momento fose necesaria a súa intervención. 

Así mesmo, por precaución, 25 vivendas da zona foron desaloxadas e 60 persoas tiveron que ser evacuadas a causa do fume provocado. Todas atopábanse ben.